8/4/13

VI FESTA TREZE CATORZE



Volve O Caimán do Río Tea! máis de dúas décadas despois do seu nacemento o célebre réptil de Ponteareas remontará o río Caselas para dar o seu primeiro concerto en Salceda de Caselas. O vindeiro sábado 4 de maio a Asociación Cultural Deportiva e Ecoloxista 13-14 celebra a VI edición da súa Festa homónima que contará, amais d´O Caimán do Río Tea, con Quempallou e Terbutalina. A esmorga arrancará coa xa tradicional sesión vermú (12:00h) e non arrefriará até que calen os pratos do afamado picadiscos local DJ Croqueta. No medio: xantar popular, gaiteiros, grande potada, bingo musical, pulpo, xogos tradicionais, actuación do bloquinho APERTA, chourizos á brasa e moito máis. Así e todo, o que realmente agardan os incondicionais desta festa é o Grande Concurso de Saltos 13-14 o título do cal ostentan actualmente os membros de Terbutalina. Para abraiar ao xurado no teu voo sobre as alpacas de herba seca non importa se agochas os teus cartos na Suíza ou se xa non atopas aqueles que gardabas preferentemente para a universidade do Luisito; aquí só conta a imaxinación que —como a Festa 13-14— é de balde.




2 comentarios:

Anónimo dijo...

bravo samurais

Anónimo dijo...

tan de pasao de moda está usar un blog como facer festivais gratuítos. Graciñas por ámbalas dúas cousas!