14/1/11

Salceda de Caselas, Zona Libre de Transxénicos

A Asociación Cultural, Deportiva e Ecoloxista Treze Catorze, no seu intento de mellorar tanto a calidade de vida dos cidadáns como de coidar o medio ambiente ven de conseguir un fito histórico no Concello de Salceda de Caselas: que o Pleno do Concello declarase por unanimidade Salceda de Caselas Zona Libre de Transxénicos.

Logo de tratala nas Xornadas de Conciencia Ecolóxica de outubro, esta asociación, decidiu dar un paso máis. Para concienciar do problema á poboación e ós concelleiros, que foron convidados expresamente, decidiuse organizar unha charla informativa sobre o tema que tivo lugar o 25 de novembro en colaboración co Banco do Tempo na Casa da Cultura. O encargado de impartila foi Alejandro Vilela, membro da Plataforma Galega Antitransxénicos e de Greenpeace, plataforma á que se incorporou a Treze Catorze ( www.galizasentransxenicos.org/).

Como colofón, o Pleno de Salceda, celebrado o 30 de decembro, tivo en consideración a solicitude desta Asociación e declarou por unanimidade Salceda de Caselas libre de organismos modificados xeneticamente.

Os organismos modificados xeneticamente (Oxm´s) obtéñense mediante a enxeñería xenética, que permite crear plantas, animais e microorganismos manipulando os seus xenes.
Nos últimos anos, esta técnica foi utilizada para intentar introducir novas características nos cultivos e, dende fai pouco máis dunha década, seméntanse nalgúns países variedades modificadas xeneticamente (Oxm´s), principalmente soia, millo, algodón e colza.
Por outra parte, os coñecementos científicos actuais non son suficientes para predicir con exactitude tódalas consecuencias da manipulación do novo organismo no que se introduciron xenes estraños, nin a súa evolución e interacción con outros seres vivos unha vez liberado un Oxm´s ao medio ambiente.
Tras once anos de cultivo, comprobouse que as sementes modificadas xeneticamente non reportan os beneficios prometidos pola industria biotecnolóxica.
· Contaminacións xenéticas por produtos químicos.
· Perigo para a biodiversidade silvestre e agrícola.
· Erosión dunha agricultura e alimentación libres de transxénicos.
· Danos a labregos e labregas por perda de mercados.
· Conflitos entre labregos e labregas.
· Expulsións do ciclo produtivo dos labregos e das labregas de menor escala.
Os impactos sobre o medio ambiente están cada vez máis documentados:
· Contaminacións de especies silvestres emparentadas.
· Redución da biodiversidade.
· Contaminacións químicas do solo e dos acuíferos.
· Os cidadáns temos dereito a saber o que consumimos e a decidir sobre elo, así esa decisión sexa ideolóxica, política ou ética.

A declaración de “Zona Libre de Transxénicos” é un acto simbólico de rexeitamento por parte de municipios, deputacións provinciais ou comunidades autónomas, ao cultivo de Organismos Modificados Xeneticamente. As administracións, a través da “Zona Libre de Transxénicos” teñen unha ferramenta para protexer o seu medio ambiente, a saúde dos seus cidadáns e a calidade dos seus produtos agrícolas así como a súa biodiversidade. En Galicia temos concellos que xa amosaron a súa desconformidade con este tema, declarándose Zonas Libres de Transxénicos como son os casos de: Lalín, O Grove, Silleda, Irixo, Chantada, Val do Dubra, Ames, Teo, Negreira, Riotorto, Verín, Forcarei, Ribadavia, Allariz, Zas, Laxe e, dende o 30 de decembro do 2010, Salceda de Caselas.