O vindeiro domingo 5 de febreiro a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza un roteiro polo espazo afectado polo proxecto de parque eólico que a Xunta pretende instalar no Morrazo.
O roteiro que sairá ás 10:30h desde o parque forestal de Chan de Arquiña terá un percorrido circular duns 7 kilometros.
Ao remate do percorrido, previsto para as 14h, está organizado un xantar popular no parque forestal de Chan de Arquiña, onde cada un/unha d@s asistentes leve ou comparta a súa comida.
Recoméndase que cada vehículo utilizado para acceder sexa compartido ao máximo de ocupación para así non masificar o punto de encontro en plena natureza.
O parque eólico de Pedras Negras, promovido pola empresa italiana Enel Green Power España SL, e incluído dentro do plan eólico galego pola Xunta de Galicia prevé a instalación de 14 aeroxeneradores de 119 metros de altura e 112 metros de diámetro de pás, a ocupación dunha explanada de 17 m2 de superficie por cada aeroxenerador, a apertura de novos viales e o ancheado doutros existentes que suman 17.302 metros lineais, 15.702 metros de gabias para instalación de cableado eléctrico e comunicacións, e unha subestación eléctrica.
A instalación do parque eólico tería as seguintes afeccións:
Afectaría con movementos de terras para a apertura de pistas de acceso e gabias, mais coa instalación dos aeroxeneradores e a subestación eléctrica ás áreas naturais de monte Formigoso, Chan de Arquiña, Chan de Gagán, Chan de Xestoso, Serra Domego, Chan da Carqueixa, Chan de Pedras Negras, Os Candóns, Chan de Goa, Serra Basil e Outeiro da Charamiza, entre os 450 m. e os 600 m. de altitude situados na zona máis alta da península do Morrazo e preto dos altos de Monte Faro de Domaio e Coto do Home, as principais cimeiras con máis de 600 m. de altitude, integrado plenamente no espazo natural dos Montes do Morrazo, protexido como solo rústico de protección de espazos naturais polas normas subsidiarias de planeamento da provincia de Pontevedra.
Ás amplas vistas panorámicas cara ás Rías Baixas entre a ría de Vigo e a de Pontevedra e moi preto da enseada de San Simón, espazo natural integrado dentro da Rede Natura. O impacto sumaríase a outros proxectos de parques eólicos nas serras da Groba e do Galiñeiro, en fronte da ría de Vigo e no monte Castrove, da de Pontevedra, incluídos así mesmo no citado plan eólico galego.
A unha zona de importancia xeolóxica conformando unha paisaxe exclusiva de sucesión de relevos graníticos en altura con abundancia de rochas de distintas morfoloxías moldeadas polos axentes naturais dende tempos moi remotos.
Aos nacementos dos ríos Loira, da Fraga, Miñouba e Riomaior, estes dous últimos coa súa desembocadura na Enseada de San Simón. Tamén a charcas estacionais, pasteiros húmidos e brañas.
A monte mancomunado das parroquias de Santomé de Piñeiro (Marín), San Adrián de Cobres (Vilaboa) e Domaio (Moaña), con novas repoboacións forestais principalmente de Pinus pinaster e Pinus radiata, en substitución de anteriores plantacións de eucalipto, e onde a apertura de pistas e gabias, a construción de cada un dos aeroxeneradores máis a da subestación eléctrica implicaría a tala de arborado existente e a imposiblidade futura de repoboación nas zonas afectadas.
A un rico monte baixo de matogueira, debido á abundancia e diversidade de especies de breixos, complementado con carpazas, xestas e toxeira, propios de ambientes nitrófilos, turbosos, e verdadeiros rexeneradores de solos pobres a nivel granítico, ou empobrecidos pola acción dos lumes.
A especies arbóreas e de flora autóctona, mesmo endémica do noroeste ibérico.
A unha gran variedade de fauna pola existencia de varios ecosistemas (acuáticos, monte aberto, bosques,…) e principalmente a aves e morcegos, onde os aeroxeneradores provocan unha grande mortandade entre as súas pás en movemento.
Á área de protección de varios xacementos arqueolóxicos, principalmente mámoas megalíticas existentes entre as zonas de Chan de Armada e a propia de Chan de Arquiña, máis a área de protección dun petróglifo da Idade do Bronce, o de Outeiro do Gorgullo no monte Formigoso. Non se desbota que a parte destes xacementos catalogados e outros etnográficos existentes puideran ser afectados outros sen descubrir dada a abundancia existente por todo o espazo natural protexido.
A usos sociais e deportivos, como a propia área de lecer de Chan de Arquiña, a zona de despegue de parapente no monte Gagán que imposibilitaría a súa prática aérea; o roteiro sinalizado existente de bicicletas de montaña. E aos núcleos rurais de poboación de San Lourenzo (Domaio) e Sobreira (Vilaboa) pola súa proximidade, que se vería afectados ademais de polo impacto das obras polo impacto acústico producido polas pás dos aeroxeneradores en movemento.
Ás telecomunicacións por interferencias con respeto dos dous complexos de antenas existentes nos altos do Monte Faro de Domaio e de Coto do Home. E así mesmo, suporía unha suma de radiacións electromagnéticas pola subestación eléctrica proxectada.
O parque eólico parte dunha área de estudo cunha superficie moito maior de 4.300 Has. que recolle a totalidade do espazo natural protexido dos Montes do Morrazo máis parte do Carballal de Coiro, os dous espazos naturais protexidos terrestres máis importantes da comarca.
O espazo natural dos Montes do Morrazo é xunto co Carballal de Coiro o corredor natural necesario para enlazar o continente cos espazos naturais protexidos do litoral morracense (os LIC da Enseada de San Simón, Costa da Vela e Cabo Udra) e posúe a súa vez as condicións bioxeográficas, coa existencia de hábitats naturais prioritarios e de fauna e flora salvaxe, para formar parte así mesmo da Rede Natura, na que Galicia segue estando moi por debaixo da media do Estado en superficie protexida.
Galicia é excedente en electricidade, as súas zonas con maior potencial eólico xa están cubertas, e se necesitara subir a potencia eólica instalada actualmente bastaría con repotenciar os parques eólicos xa existentes.
O Morrazo, 1 de febreiro de 2012
Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo
defendeomorrazo.wordpress.com
defendeomorrazo@gmail.com
1 comentario:
Socis!! Quedamos ás 9:30h na praza para arrancar todos xuntos?
Publicar un comentario