PROGRAMA
Apadriñamento dun treito do Río Caselas (sábado 22, ás 11:00h): A Asociación C.D.E. Treze Catorze, en colaboración con Adega, vai apadriñar un treito do Río Caselas. Con este acto simbólico realizarase unha análise da calidade das augas para comprobar en que estado se atopan. A Treze Catorze será a encargada, desde entón, de vixiar periodicamente que nese treito do río se conserve un ecosistema saudable. (Saída ás 10:30h desde a Pza. do Concello.)
Obradoiro de instrumentos musicais (sábado 22, ás 16:30h): Actividade pensada para os cativos e as cativas onde se elaborarán distintos instrumentos musicais a partires de materiais reciclados que todos e todas atopamos a cotío nas nosas casas.
Charla “A importancia do solo como medio vivo en agricultura ecolóxica” (sábado 22, ás 18:30h): O enxeñeiro agrícola, Javier Grien Vecino, faranos ver a relación que existe entre a importancia de empregar a biodiversidade do solo para conseguir condicións óptimas nun cultivo ecolóxico.
Charla “Pinturas ecolóxicas” a cargo do Pintor de Quins (sábado 22, 19:30h): Desta charla sairemos convencidos de que as pinturas convencionais coas que actualmente pintamos os nosos fogares non son nada apropiadas, entre outras cousas, pola cantidade de volátiles tóxicos que conteñen. O pintor de Quins (Ourense) será o encargado de contarnos a súa experiencia persoal e o porqué de traballar con produtos naturais. De seguro que non nos vai deixar indiferentes.
Visita a “Ecocelta” (domingo 23, ás 11:00h): A empresa Ecocelta, adicada á fabricación de fertilizantes orgánicos e substratos para a xardinaría a través da compostaxe e da vermecultura, terá a xentileza de abrirnos as portas para amosarnos as súas instalacións e como elaboran os seus produtos. Ademáis, analizarán as diferenzas e vantaxes que existen ao empregar os seus produtos naturais fronte ós convencionais. Será una visita guiada por Sergio Quiroga, socio fundador de Ecocelta. (Saída ás 10:00h da Pza. do Concello).
Obradoiro “Fai a túa camisola” (domingo 23, ás 16:30h): Neste obradoiro animaremos a darlle nova vida ás vellas camisolas exercitando para iso o talento e a imaxinación. Os participantes, axudados polos monitores de Tinta de Lura e por medio de diversos xogos e dinámicas de escrita creativa e debuxo, deberán exercer de deseñadores para crear os lemas e os deseños que han lucir nas súas propias camisolas. Requirimentos: cada participante deberá achegar unha camisola usada para realizar o obradoiro, a poder ser branca ou clariña e sen debuxos nin deseños.
Charla “Cooperativa de Consumo: vantaxes e dasafíos” (domingo 23, ás 18:30h): A Sociedade Cooperativa Galega “Árbore” é un claro exemplo do bo funcionamento que pode acadar un colectivo de consumo de produtos ecolóxicos. Dous membros pertencentes a distintas cooperativas falarannos da súa experiencia e mostrarannos o cómo e porqué de formar parte dunha delas.
Proxección do cinema “Os nosos fillos acusarannos” (domingo 23, ás 19:30h): Un documental francés de Jean-Paul Jaud sobre a primeira xeración de nenos e nenas da historia que vivirá menos que os seus pais ó estaren expostos desde a infancia a unha gran cantidade de tóxicos, principalmente, a través da alimentación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario