As “III Xornadas de Consumo Responsable” organizadas a semana pasada en Salceda de Caselas (12-17 outubro) son interpretadas como éxito rotundo tanto pola organización coma polos asistentes.
Proxección de documentais, degustación de produtos, obradoiros, visitas guiadas e conferencias foron os pratos fortes que volveron colocar o espírito ecoloxista en primeira plana da vida cultural da localidade.
O traballo en cooperación entre asociacións, produtores particulares e institucións é unha das claves de éxito. Este ano a organización invitou ás asociacións Amigos da Terra, Verdegaia, Caleidoskopio; á produtora de agricultura ecolóxica Aghata Broeshamp e ao grupo de investigación GIEEA da Universidade de Vigo.
A organización das xornadas (A.C.D.E. TREZE-CATORZE) destaca o compromiso e o espírito de participación dos asistentes, a correcta dimensión do evento e demostra unha vez máis que se poden facer grandes cousas cun orzamento moi reducido.
Malia o relativo triunfo conseguido as mozas e os mozos da TREZE-CATORZE non pensan deterse pois o reto de implicar á maioría do pobo no consumo responsable está moi lonxe de conseguir. A parella "éxito e desafío", semella ser a garantía de supervivencia destas xornadas.
Moitas gracias a todos os colaboradores e os asistentes que facedes que isto sexa posible.
Vémonos o ano que ven!
A.C.D.E. Treze Catorze